terça-feira, 7 de outubro de 2025

RECOMENDACIÓNS PARA VIR DE RUTA

    Moi posiblemente sexas unha persoa con sobrada experiencia facendo sendeirismo e montaña, pero se esta é a túa primeira vez nunha actividade deste estilo, aquí van algunhas dicas para que a túa xornada de camiñada sexa agradable:


1. O calzado de monte: Trae calzado adaptado para camiñada e monte. Botas ou zapatilla de montaña. Moi recomendable que sexa impermeable.

Que pedirlle ao teu zapato de monte? 

  • Que leves o pe cómodo, que non che manque nin che roce. 
  • Que a sola che protexa ben dos impactos do chan. 
  • Que agarre ben ao firme, para evitar esbarar. 
  • Que che permita airear o pe, especialmente con altas temperaturas. 
  • Que non se encharque, porque mesmo sen chuvia, posiblemente teñas que cruzar pozas e regatos.
2. Roupa cómoda: Trae roupa cómoda e deportiva. É recomendable empregar sempre pantalón longo mesmo en verán (así evitamos pinchos e picadas).

3. Adapta o equipo ao tempo: Presta atención á previsión do tempo. Reforza o abrigo en caso de frio e neve e busca algo lixeiro se boura o sol. O “sistema cebola”, varias capas que podes por e quitar en función de como vas sentindo o corpo durante o avance da ruta, soe ser unha boa opción.

4. A muda: É moi confortable levar un segundo calzado e unha muda de camiseta (e pode que pantalón) para por ao rematar a ruta. Especialmente os dias de chuvia. Así chegarás ben comoda e quente a casa.

5. Protéxete do sol: Mesmo se chove, non esquenzas traer un gorro para protexer a cabeza e un bote de crema solar (e botala e rebotala, claro).

6. Impermeablilizate: Especialmente nos meses de chuvia, é importante vir con cazadora e pantalóns impermeables. Non precisas o último grito en roupa técnica. Pode ser algo para por enriba da túa roupa habitual, pero que che manteña pernas e corpo algo protexido da chuvia para poder rematar a marcha (e mudarte ao final).

7. Hidrátate: Recorda traer sempre 1litro ou 1 litro e medio de auga contigo. Cando camiñamos precisamos hidratar o corpo de cada pouco e non podemos contar con atopar fontes para abastecernos polo camiño (e se as hai, aprobeitamos para refrecar as provisións). 

8. Sae sempre con comida: As nosas rotas soen estár deseñadas para comer de bocata polo camiño desfrutando da natureza, pero mesmo cando son curtiñas, trae sempre algo que levar á boca (froitos secos, chocolate, froita). Sálvache ante unha baixa de enerxía no medio do camiño e tamén se nos demoramos máis do esperado por algúnha causa imprevista. 

ORTIGUEIRA A DOBRE ALTURA: DO CASTELO DO CASÓN Á ENSEADA DE MERA

    Como entendemos mellor a paisaxe? Vista desde o alto ou inmersas nela?

    O vindeiro día 26 de outubro os nosos pes suben ao norte. Achegámonos á ría de Ortigueira para contemplala dende a antiga atalaia do Castelo do Casón e de seguido pasearnos pola beiriña das súas augas na Enseada de Mera como se fosemos uns cormoráns máis. Unha ruta de 15 kilómetros que garda nos seus 5 primeiros a súa maior dificultade.

    Comezaremos á beira do río Mera para ascender serpenteando unha estribación da serra da Capelada uns tres kilómetros ata o mirador do Castelo do Casón. Este valuarte defensivo do século IX domina toda a ría de Ortigueira. Serviu á xente "urticariense" para controlar aos viquingos e a nós nos permitirá ter unha boa perspectiva do camiño que imos facer. 

    Baixaremos do castelo pasando pola fervenza do Pozo do Inferno, que serve de protección natural á fortificación medieval e chegaremos a Veiga. Aquí abandonaremos os esforzos e desfrutaremos dunha andaina tranquila por unha chaira á beiramar. O camiño discorre entre plantacións de maceiras sidreiras ata chegar á Enseada de Mera.

    Esta zona de humidal da desenvocadura do Mera foi pechada coa intención de empregala como criadeiro de marisco hai máis dun século (con pouco éxito, para desgraza da familia propietaria da concesión). Sen embargo, este proceso xerou unha zona protexida da intervención humana ideal para as aves, que a empregan como espazo de cria e descanso nas súas migracións. Outra estupenda ocasión para sacar os nosos prismáticos.

    A ruta remata voltando a Mera de Abaixo da que saímos desfrutando das súas casiñas, os seus prados e os pazos con historia. 

    Para vires con nós, podesdes cubrir este formulario de inscripción:

https://forms.gle/xkCsRpw6va14DPk16


Custe: 15€ socias / 20 € non socias

Contacto: aminhapulga@gmail.com

Whatsapp: 653 013 224 

Polo Monte Branco á beira do pirlo e o mazarico.

     Este 2026 comezamos o ano camiñando e comendo. A proposta é percorrer Sendeiro PR-G 148 polo mar de Corme e a ribeira do Anllóns , un p...