segunda-feira, 27 de março de 2023

FIN DE SEMANA EN MANZANEDA

FIN DE SEMANA EN MANZANEDA Sábado,29. Rota da Fraga. San Xoan de Río. Unha ruta que percorre fragas frondosas polas abas do canón do Navea en territorio de San Xoán de Río. Podemos gozar da biodiversidade das fragas atlánticas, da contemplación de castiñeiros monumentais e pequenas fervenzas nos regos que caen ao Navea. Pódese facer en calquera época do ano pero é recomendable especialmente no outono onde as cores do bosque se amosan en todo o seu esplendor. COMO CHEGAR: desde a estrada Ourense Pobra de Trives cóllese o cruce a San Xoán de Río por Mouruás e no centro da aldea déixase o coche nun lugar cun panel indicativo onde comeza a ruta.
Domingo, 30 Rota do val glaciar de Prada. Principia cabo da igrexa parroquial de San Miguel de Bidueira, unha xoia da arquitectura barroca do S. XVIII coñecida popularmente como a «Catedral das Terras de Manzaneda». Seguindo o río Requeixo chégase á aldea abandonada de Prada, que conserva parte da Capela de San Bartolomeu, así como varias das súas tradicionais casas de alta montaña, que na actualidade son utilizadas como refuxio invernal para o gando. Ademais, pódese contemplar unha excelente panorámica sobre o Circo Glaciar de Prada, que data de entre 50.000 e 10.000 anos atrás e que someteu estas montañas da Serra de Queixa e O Invernadeiro a un proceso de abrasión glaciar. Dende Prada, pasando polo Pontón, A Biduela e O Salgueiro, a través de camiños de alta montaña e pequenas congostras, regrésase á aldea de San Miguel de Bidueira. Á altura de Requeixo, existe a posibilidade de coller unha derivación da ruta principal e visitar a aldea de Placín.
Luns,1 Rota do soutos de Cesuris Entre castiñeiros centenarios, esta ruta intérnase no Macizo Central para percorrer un dos recantos máis descoñecidos dentro do municipio de Manzaneda. Un lugar onde, malia o despoboamento, aínda se manteñen vivas actividades tradicionais coma o pastoreo,a agricultura e arecollida da castaña. Tras cruzar San Miguel de Bidueira e deixar atrás a igrexa parroquial do mesmo nome atópase o cartel de inicio desta ruta. Dende aquí, coa panorámica do glaciar de Prada ás nosas costas, dirixímonos cara á aldea de Trabazos, que esconde a capela de Santo Antonio, ata alcanzar Cubeiros. Dende Borruga, atravesando o Souto de Tonxil e Placín, chégase ao final desta ruta nas aforas de San Miguel de Bidueira.
SAÍDA, SÁBADO 29 ABRIL; VOLTA, LUNS 1 DE MAIO. PREZO(TODO INCLUÍDO MENOS O BOCATA DO SÁBADO). SOCIOS:138 EUROS NON SOCIOS: 145. oscaminhosdaagra.blogspot.com

25/26 DE MAIO: FIN DE SEMANA ENTRE A RAIA E AS CIES.

FIN DE SEMANA ENTRE A RAIA E AS CIES. 25/26 DE MAIO SÁBADO,25 DE MAIO.Ponteareas/ Salvaterra. • Fermosa ruta o carón do río Tea, unha ru...