domingo, 8 de novembro de 2015

Polo camiño primitivo

DE PARADAVELLA AO CÁDAVO

Subindo e baixando continúamos o Camiño Primitivo que nos vai achegando a Lugo, un bo lugar para visitar a zona dos viños,probalos e acompañalos dalgunha tapiña,ben cumprida como diría o Manuel.Os nosos camiños non chegarán desta vez alá mais isto non debe impedir a vosa visita, Lugo,merécea.
foto_roteiro_paradavella__lugo.O domingo 29 de novembro percorreremos outra etapa do CAMIÑO PRIMITIVO que, aínda que marca o inicio da cultura xacobea universal e transcorre por lugares de interese histórico e ambiental, é obxecto de innumerábeis alteracións que merecen ser coñecidas e denunciadas. O punto de inicio do roteiro será o núcleo de Paradavella, pertencente ao concello de A Fonsagrada, no que poderemos contemplar algúns exemplos da arquitectura tradicional desta área de montaña.
Avanzando pola vertente oriental da Serra da Lastra, entraremos nas terras do concello de Baleira, no que destaca o casarío de Degolada, que delimitaba fai séculos o “Condado de Naviensis”. Superando a cota 800 acadaremos o núcleo de San Xoán de Lastra, onde os peregrinos preparábanse para o ascenso ao alto da Fontaneira (950 m), lugar cunha igrexa adicada a Santiago.
O topónimo da Fontaneira alude a que este é o lugar de nacemento do río Neira, e corresponde ademais á divisora das cuncas doutros ríos: o Eo e o Navia. Na baixada á Vaganta do Trabeiro o camiño pasa polo Monte das Cruces, que albergou no pasado un camposanto, e continúa cara ao Campo da Matanza. Neste lugar foron descubertos a finais do século XIX varios enterramentos e restos de armamento que poderían derivar, segundo algunhas hipóteses, das loitas con tropas musulmanas que se agochaban na garganta chamada A Trincheira.
Dende a Matanza, contemplando a beleza do Val do Neira, báixase á moderna capitalidade do Concello de Baleira: O Cádavo. Se as forzas dos camiñantes o permiten, poderíase continuar o roteiro e, coroando a serra da Vacariza na Cruz de Pedra (840 m), entrar en terras do concello de Castroverde e chegar ao lugar de Vilabade, que conta con importantes elementos patrimoniais.
O roteiro ten unha lonxitude próxima aos 14 km (algúns máis se se continúa ata Vilabade).
Pode considerarse de dificultade media, polas súas frecuentes subidas e baixadas.

25/26 DE MAIO: FIN DE SEMANA ENTRE A RAIA E AS CIES.

FIN DE SEMANA ENTRE A RAIA E AS CIES. 25/26 DE MAIO SÁBADO,25 DE MAIO.Ponteareas/ Salvaterra. • Fermosa ruta o carón do río Tea, unha ru...