segunda-feira, 7 de setembro de 2026

Ruta polo Sor: da Ribeira do Bispo a Augas Caídas

    O vindeiro domingo 27 de setembro comezamos a tempada de camiñatas en Mañón. Imos percorrer os 12 km. da ruta de Ribeira do Bispo ao Miradoiro de Aguas Caídas. 

    Trátase dunha ruta á beira do rio Sor pesando nun bosque de ribeira atlántico dos que tanto coñemos: bidueiras, ameneiros, carballos, fieitos...pasarémoslle a todos pola casa. A zona é boa para apesca e, aínda que non teremos tempo de sacar as cañas, si visitaremos varios refuxios de pescadores que reaprobeitan antigos muiños. Un dos puntos fortes desta ruta espéranos cara o final, cando poderemos contemplar a fervenza da Mexadoira dende o miradoiro de Aguas Caídas. Un salto de auga de 50 metros a través do que o rio Seixo verte a súa auga no Sor. 

    O camiño é o sube-baixa habitual á carón dos rios con algunha subida pronunciada, pero en xeral moi asequible para non romper as pernas no inicio da tempada. 

    Se vos animades a vir podedes inscribirvos enchendo este formulario:

https://forms.gle/2noqijUWmN8D3b376


Custe: 22€ socias /27€ non socias

Contacto: aminhapulga@gmail.com

Whatapp: 653 013 224



terça-feira, 1 de setembro de 2026

Programación 2026 -27

Neste mes de setembro comezamos de novo o movemento e continuaremos ata xuño, co debido descanso do Nadal. O ultimos domingos de cada mes reunirémonos de novo para gastar as botas e visitar ou revisitar camiños galegos e un chisco alem. A programación é a seguinte:

  • 27 de setembro de 2026 - Ruta de Ribeira do Bispo e Augas Caídas (Mañón)
  • 25 de outubro de 2026 - Veiga do Mandeo e Val de Cambás (Aranga)
  • 29 de novembro de 2026 - Ruta de Sobrado ao dolmen de Forno de Mouros (Sobrado dos Monxes)
  • 31 de xaneiro de 2027 - Semieira de Vilagocende (Fonsagrada) - Cocido
  • 28 de febreiro de 2027 - De Cabo Prior a Montefaro (Ferrol)
  • 20 e 21 de marzo de 2027 - Fin de semana no Val do Jerte (Cáceres)
  • 25 de abril de 2027 - Sendeiro de Quitá a Rio Dosal (Becerreá)
  • 30 de maio de 2027 - Val do Quiroga ou Pasarelas do Río Mao (Quiroga) - Troitada
  • 27 de xuño de 2027 - Serra do Barbanza e pozas do río Pedras - (Pobra do Caramiñal) 

Este ano introducimos algunha novidade. A troitada en Quiroga ímola facer na penúltima ruta, para asegurarnos que non nos colle unha ola de calor de inicio do verán e podemos desfrutar os camiños da Ribeira Sacra mesmo a pleno sol. A cambio a última ruta da tempada está pensada para desfrutar dun bon chapuzón e sacarlle partido ao bañador.

A proposta de fin de semana, está situada moi perto da Semana Santa. Por qué esta escolla tan arriscada e se cadra incómoda para os nosos calendarios? A aposta é alta. Interaremos chegar ao val do Jerte en plena floración das cerdeiras para desfrutar do espectáculo. Imos intentar afinar a puntería. 

O custe das rutas, salvo a posposta de fin de semana, é de 22€/persoa para socias da Asociación Veciñal do Agra do Orzán e de 27€/persoa para as non socias.

Para inscribirvos podedes facelo enviando un correo a aminhapulga@gmail.com, enchendo a ficha de inscripción que atoparedes en cada un dos artigos de descripción das rutas ou contactando a través do telefono 653 013 224 (Inés). As prazas asignaranse por orde de inscripción.


Custe: 22€ socias /27€ non socias.

Contacto: aminhapulga@gmail.com

Whatsapp: 653 013 224

domingo, 21 de junho de 2026

Pregamento de troitas en Quiroga

A última viaxe da temporada vai ser este domingo 28 de xuño, logo do San Xoán, e marchamos a Quiroga a comer as troitas. 

Ollo! Desta volta sairemos ás 8:00 da mañá.

Contra todas as normas cívicas e do bon vivir madrugaremos un pouco máis do normal para protexernos do calor.


Recollemos a última semente de Samuel. Se o tempo acompaña, imos percorrer a ruta do pregamento xeolóxico de Campodola- Leixazós. Trátase dunha ruta de 7,5 km. en dirección descendente na que imos coñecer (ou recoñecer) este impresionante monumento natural. As forzas tectónicas dobráronnos o chan! 


O choque das pracas tectónicas dobrou a corteza terrestre neste punto aló polo período Carbonífero. Xa choveu! É tanto!!Normalmente estas cousas quedan baixo terra e pouco lles prestamos atención. Pero aquí o río Ferreiriño, grazas ao tanta chuvia, puido facer un traballo de formiguiña durante millóns de anos deixando á vista un corte transversal deste pregamento no seu cañón. 


E aló que nos imos nos a botarlle unha ollada. O camiño permítenos pasar a darlle as grazas ao Ferreiriño. Pasearemos polas súas veiras e fervenzas. Tras pasar baixo o pregamento a paisaxe mudará xa que atravesamos á outra aba do monte para descer a Campos de Vila con paisaxe máis descuberta. 


Ao rematar, marchamos a comer as troitas ao Mesón de Luis. Alí nos esperan con sombra, fresco, troitas fritas, boas ensaladas e carne asada para que repoñamos forzas e celebremos o peche destes nove meses de bon camiñar.


Se queres vir pódeste anotar cubrindo este formulario:


https://forms.gle/FTnPpRh5qLGSSWfZA


E tamén podes contactar a través do teléfono 653 013 224. 


Custe da ruta: 22 € socias / 27 € non socias

Custe da comida: 25 €

Total: 47 € socias / 52 € non socias

segunda-feira, 4 de maio de 2026

Fin de semana de camiñadas no Parque Natural de Montesinhos.

Do 30 ao 31 de maio marchamos á coñecer o Parque Natural de Montesinho, no noreste de Portugal. Este entorno natural montañoso, situado na fronteira con Zamora e Ourense, a altura de Viana do Bolo e Sanabria,  é unha zona de grande beleza e diversidade natural. Fórmano os macizos de Montesinho e a Coroa (Sierra de la Culebra) que combinan altos de ata 1481 metros con profundos vales. Os seus ríos enchen de auga o Douro e crean fermosas paisaxes casa de lobos, cervos, gatos bravos, ratas de auga, carballos, corticeiras e varias plantas endémicas.

Situado nos concellos de Bragança e Vinhais ocupa as maior parte da antiga provincia de Tras-os-Montes. Faremos campamento na súa capital, Bragança, antiga cidade romana e solar dunha das máis nobres familias da historia de Portugal, para andar os seus camiños. 

O sábado 30 de maio ás 8:00 h. da mañá marchamos da Coruña coa intención de chegar a aldea de Montesinho, moi perto da fronteira zamorana, para xantar. 

A primeira hora da tarde sairemos dela a percorrer as nosa primeira ruta da viaxe: o PR3 "Porto Furado". Un percurso circular de 9 km. no que ascendemos ata o encoro de Serra Serrada atravesando fraga e paisaxe de alta montaña con mato baixo e boas perspectivas sobre as serra. 

A volta visitaremos esta fermosa aldea tradicional portuguesa que lle dá nome ao parque e con sorte, haberá quen probe o seu queixo e a súa mel. 

A media tarde tomaremos camiño a Bragança onde nos instalaremos nos nosos aloxamentos e nos reunirémos a cear. Quen teña forzas, trala cea, poderá unirse a unha visita pola cidade. Percorreremos o seu casco antigo pasando polas ruelas da Cidadela, o castelo medieval e pola Domus Municipalis, o único edificio románico civil da península. 

No día seguinte tralo almorzo iremos en dirección ao Vinhais, unha vila no oeste do parque coñecida polos seus ancestrais Entroidos, os "Diabos", e polos seus "fumeiros", uns saborosos embutidos. Alí faremos unha camiñada circular de 15 kilómetros entre as aldeas de Río de Fornos e Travanca. Percorreremos todo un val por camiños ben abertos que serpentean entre prados e bosques de castiñeiros. A media tarde, tras recuperar forzas cun bo café portugués, iniciaremos o camiño de volta á Coruña. 

A viaxe inclúe o desprazamento, o aloxamento, a cea do primeiro día e máis o almorzo e os bocadillos do xantar do segundo día, o seguro e o guiado. 

O custe é de 130€ + aloxamento. 

Imos contar con dous tipos de aloxamento para adaptarnos, na medida do posible, ás preferencias das participantes e ás prazas dispoñíbeis: a Pousada da Xuventude de Bragança e o Hotel Nordeste Shalom (**). 

As opcións de aloxamento son as seguintes: 

1. Cuarto de 4 camas na pousada: 22€ - Custe total: 152€

2. Cuarto dobre na pousada: 25€ - Custe total: 155€

3. Cuarto dobre no hotel: 32€ - Custe total: 163€

4. Cuarto individual no hotel: 47 € - Custe total: 177€

Se queres vir tes ata o 15 de maio para inscribirte. Podes facelo cubrindo este formulario: 

https://forms.gle/mpWEEoMr25Kvoi4T7

Para máis información podes chamar ou escribir por whatsapp e telegram ao 653 013 224 (Inés). 

quarta-feira, 15 de abril de 2026

Pena Guimara: entre soutos e covas na Fonsagrada.

O vindeiro domingo 26 de abril nos Camiños do Agra marchamos de ruta a Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Nos desprazamos á Fonsagrada para percorrer aldeas, soutos e camiños a beirarrío rodeados de arquitectura tradicional e árbores centenarias. 11 kilómetros de camiños de montaña coas súas subidas e baixadas á sombra de boa vexetación autóctona. 

O noso camiño comeza na aldea de Vilardiaz con boas mostras de casas tradicionais e un hórreo con teito de palla. Saímos dela a traves dos Bosques de Carballido, declarados Lugar de Interese Comunitaria, atravesando un souto no que atoparemos varios teixos. Aquí o camiño descende e esixe menos esforzo. 


Chegados a beira do río Veiga de Logares iremos atopando carboneiras e corripas (lugares para a conservación das castañas) que demostran como nos sostén a natureza visitamos.  


Ascendendo polo río chegamos ao unha aldea é ben antiga, como indica o seu nome, Castro Romean. Non nos achegaremos ata o xacemento pero poderemos tomar un descanso entre casas tradicionais ben conservadas. 


Moi perto dela atoparemos San Martín de Robledo, onde as casas se encaixan nas rochas para aprobeitar o terreo. A súa igrexa conserva un bo exemplo de patio cuberto. 


Dende alí, voltaremos a Vilardiaz, agora si costa arriba, atravesando un souto e contemplando covas escavadas pola auga nas que ben se podería atopar unha moura se buscasemos experiencias sobrenaturais. 


Se te ánimas a vir podes inscribirte enchendo este formulario: 


https://forms.gle/hG9cXbpcd2HoP5YN7


Custe da ruta: 

22€ socias / 27€ non socias.


Contacto:

653 013 224 (Inés)

sábado, 7 de fevereiro de 2026

Ruta ao Alto das Tres Pedras en Olveiroa.

    A ruta do mes de febreiro lévanos a Olveiroa, unha aldea de Dumbría dende a que percorreremos os vales próximos e subiremos ao Alto das Tres Pedras a contemplar as súas vistas panorámicas. O camiño lévanos por 15 kilómetros de pistas cómodas e ben abertas entre plantacións de millo e piñeirais ascendendo de vagar.

    Iniciamos en Olveiroa, unha aldea ben conservada situada no Camiño de Santiago a Fisterra. Alí poderemos desfrutar da súa arquitectura tradicional con casas ben conservadas, horreos e algúns elementos característicos como as lacenas das abellas. Estas estructuras, habituais na Costa da Morte e no Barbanza, permitian á xente da casa ter mel e cera sempre a disposición con so abrir unha porta.

    De Olveiroa dirixirémonos á Capela de Santa Lucía, na ladeira do monte Sino. Nela se celebra cada ano  a romaría adicada a esta santa na que a xente pide axuda para males da vista na véspera de pentecostés. A tradición é labar a cara na fonte situada ao seu carón, secar os ollos cun pano e deixalo a secar na matogueira próxima. Se cadra podemos probar sorte e voltar con vista de lince a casa.

    Percorreremos de seguido o val ata o Rego do Cadro e ascenderemos cara o parque eólico Ponte Rebordelo desfrutando das vistas do monte Chan da Lagoa, a aldea de Paradela , a vila de Fisterra no fondo e, sobre de todo, o Monte Pindo.  

    Chegaremos neste punto á aldea de Logoso e de seguido ao Alto das Tres Pedras, a formación granítica que da nome a esta ruta. Tras desfrutar das vistas, descenderemos de novo ao val entre prados e plantacións de millo pasando pola aldea de Lucín para voltar de regreso a Olveiroa. 

    Se vos apetece acompañarnos podedes incribirvos enchendo este formulario:

https://forms.gle/RLxzjLa1yFeMKu5o8


Custe: 22 € socias / 27€ non socias

Contacto: aminhapulga@gmail.com

Whatsapp: 653 013 224


segunda-feira, 12 de janeiro de 2026

Polo Monte Branco á beira do pirlo e o mazarico.

    Este 2026 comezamos o ano camiñando e comendo. A proposta é percorrer Sendeiro PR-G 148 polo mar de Corme e a ribeira do Anllóns, un percorrido suave de uns 10 kilómetros, e ao rematar ir comer un bon cocido a Casa Mosqueira. 

    A ruta iniciarémola no porto de Corme e percorreremos a costa seguindo os cantís o os areais de Arnela, Osmo e Ermida. Adentrarémonos logo un pouco no monte para achegarnos a Gondomil, onde atoparemos a Pedra da Serpe, un enirmático grabado en pedra que representa unha serpe alada á que decidimos coroar cunha cruz en tempos de cristianismo. 

    De seguido manteremos a cota pasando por sobre dos cantís cunhas vistas da ría e Corme e Ponteceso que nos axudarán a recuperar o pouco folgo que perdesemos. Unha vez que atravesemos a praia de Balarés o camiño adéntrase no complexo dunar de Monte Branco, unha das maiores dunas rampantes de Europa. Non imos subila, andermos pola beira e con moito coidado para non molestar á píllara das dunas. En breve ela lle dará o relevo ao mazarico, que nos acompañará cando nos adentremos polas mariñas do Anllóns ate chegar á Ponteceso. Remataremos un pouquiño antes de chegar á casa museo de Eduardo Pondal. 

    Trala ruta encheremos o badullo cun bon cocido comunitario en Pazos para celebrar o ano e adiantarnos un pouco ao Entroido.

    Se vos animades a acompañarnos, podedes cubrir este formulario e vos conctactamos para confirmarvos as praza:

https://forms.gle/A3oyMF372BiqYLqMA


Custe: 54€ socias / 59€ non socias

Ruta: 22 € socias / 27€ non socias

Comida: 32€


Ruta polo Sor: da Ribeira do Bispo a Augas Caídas

     O vindeiro domingo 27 de setembro comezamos a tempada de camiñatas en Mañón. Imos percorrer os 12 km. da ruta de Ribeira do Bispo ao Mi...