segunda-feira, 4 de maio de 2026

Fin de semana de camiñadas no Parque Natural de Montesinhos.

Do 30 ao 31 de maio marchamos á coñecer o Parque Natural de Montesinho, no noreste de Portugal. Este entorno natural montañoso, situado na fronteira con Zamora e Ourense, a altura de Viana do Bolo e Sanabria,  é unha zona de grande beleza e diversidade natural. Fórmano os macizos de Montesinho e a Coroa (Sierra de la Culebra) que combinan altos de ata 1481 metros con profundos vales. Os seus ríos enchen de auga o Douro e crean fermosas paisaxes casa de lobos, cervos, gatos bravos, ratas de auga, carballos, corticeiras e varias plantas endémicas.

Situado nos concellos de Bragança e Vinhais ocupa as maior parte da antiga provincia de Tras-os-Montes. Faremos campamento na súa capital, Bragança, antiga cidade romana e solar dunha das máis nobres familias da historia de Portugal, para andar os seus camiños. 

O sábado 30 de maio ás 8:00 h. da mañá marchamos da Coruña coa intención de chegar a aldea de Montesinho, moi perto da fronteira zamorana, para xantar. 

A primeira hora da tarde sairemos dela a percorrer as nosa primeira ruta da viaxe: o PR3 "Porto Furado". Un percurso circular de 9 km. no que ascendemos ata o encoro de Serra Serrada atravesando fraga e paisaxe de alta montaña con mato baixo e boas perspectivas sobre as serra. 

A volta visitaremos esta fermosa aldea tradicional portuguesa que lle dá nome ao parque e con sorte, haberá quen probe o seu queixo e a súa mel. 

A media tarde tomaremos camiño a Bragança onde nos instalaremos nos nosos aloxamentos e nos reunirémos a cear. Quen teña forzas, trala cea, poderá unirse a unha visita pola cidade. Percorreremos o seu casco antigo pasando polas ruelas da Cidadela, o castelo medieval e pola Domus Municipalis, o único edificio románico civil da península. 

No día seguinte tralo almorzo iremos en dirección ao Vinhais, unha vila no oeste do parque coñecida polos seus ancestrais Entroidos, os "Diabos", e polos seus "fumeiros", uns saborosos embutidos. Alí faremos unha camiñada circular de 15 kilómetros entre as aldeas de Río de Fornos e Travanca. Percorreremos todo un val por camiños ben abertos que serpentean entre prados e bosques de castiñeiros. A media tarde, tras recuperar forzas cun bo café portugués, iniciaremos o camiño de volta á Coruña. 

A viaxe inclúe o desprazamento, o aloxamento, a cea do primeiro día e máis o almorzo e os bocadillos do xantar do segundo día, o seguro e o guiado. 

O custe é de 130€ + aloxamento. 

Imos contar con dous tipos de aloxamento para adaptarnos, na medida do posible, ás preferencias das participantes e ás prazas dispoñíbeis: a Pousada da Xuventude de Bragança e o Hotel Nordeste Shalom (**). 

As opcións de aloxamento son as seguintes: 

1. Cuarto de 4 camas na pousada: 22€ - Custe total: 152€

2. Cuarto dobre na pousada: 25€ - Custe total: 155€

3. Cuarto dobre no hotel: 32€ - Custe total: 163€

4. Cuarto individual no hotel: 47 € - Custe total: 177€

Se queres vir tes ata o 15 de maio para inscribirte. Podes facelo cubrindo este formulario: 

https://forms.gle/mpWEEoMr25Kvoi4T7

Para máis información podes chamar ou escribir por whatsapp e telegram ao 653 013 224 (Inés). 

quarta-feira, 15 de abril de 2026

Pena Guimara: entre soutos e covas na Fonsagrada.

O vindeiro domingo 26 de abril nos Camiños do Agra marchamos de ruta a Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Nos desprazamos á Fonsagrada para percorrer aldeas, soutos e camiños a beirarrío rodeados de arquitectura tradicional e árbores centenarias. 11 kilómetros de camiños de montaña coas súas subidas e baixadas á sombra de boa vexetación autóctona. 

O noso camiño comeza na aldea de Vilardiaz con boas mostras de casas tradicionais e un hórreo con teito de palla. Saímos dela a traves dos Bosques de Carballido, declarados Lugar de Interese Comunitaria, atravesando un souto no que atoparemos varios teixos. Aquí o camiño descende e esixe menos esforzo. 


Chegados a beira do río Veiga de Logares iremos atopando carboneiras e corripas (lugares para a conservación das castañas) que demostran como nos sostén a natureza visitamos.  


Ascendendo polo río chegamos ao unha aldea é ben antiga, como indica o seu nome, Castro Romean. Non nos achegaremos ata o xacemento pero poderemos tomar un descanso entre casas tradicionais ben conservadas. 


Moi perto dela atoparemos San Martín de Robledo, onde as casas se encaixan nas rochas para aprobeitar o terreo. A súa igrexa conserva un bo exemplo de patio cuberto. 


Dende alí, voltaremos a Vilardiaz, agora si costa arriba, atravesando un souto e contemplando covas escavadas pola auga nas que ben se podería atopar unha moura se buscasemos experiencias sobrenaturais. 


Se te ánimas a vir podes inscribirte enchendo este formulario: 


https://forms.gle/hG9cXbpcd2HoP5YN7


Custe da ruta: 

22€ socias / 27€ non socias.


Contacto:

653 013 224 (Inés)

sábado, 7 de fevereiro de 2026

Ruta ao Alto das Tres Pedras en Olveiroa.

    A ruta do mes de febreiro lévanos a Olveiroa, unha aldea de Dumbría dende a que percorreremos os vales próximos e subiremos ao Alto das Tres Pedras a contemplar as súas vistas panorámicas. O camiño lévanos por 15 kilómetros de pistas cómodas e ben abertas entre plantacións de millo e piñeirais ascendendo de vagar.

    Iniciamos en Olveiroa, unha aldea ben conservada situada no Camiño de Santiago a Fisterra. Alí poderemos desfrutar da súa arquitectura tradicional con casas ben conservadas, horreos e algúns elementos característicos como as lacenas das abellas. Estas estructuras, habituais na Costa da Morte e no Barbanza, permitian á xente da casa ter mel e cera sempre a disposición con so abrir unha porta.

    De Olveiroa dirixirémonos á Capela de Santa Lucía, na ladeira do monte Sino. Nela se celebra cada ano  a romaría adicada a esta santa na que a xente pide axuda para males da vista na véspera de pentecostés. A tradición é labar a cara na fonte situada ao seu carón, secar os ollos cun pano e deixalo a secar na matogueira próxima. Se cadra podemos probar sorte e voltar con vista de lince a casa.

    Percorreremos de seguido o val ata o Rego do Cadro e ascenderemos cara o parque eólico Ponte Rebordelo desfrutando das vistas do monte Chan da Lagoa, a aldea de Paradela , a vila de Fisterra no fondo e, sobre de todo, o Monte Pindo.  

    Chegaremos neste punto á aldea de Logoso e de seguido ao Alto das Tres Pedras, a formación granítica que da nome a esta ruta. Tras desfrutar das vistas, descenderemos de novo ao val entre prados e plantacións de millo pasando pola aldea de Lucín para voltar de regreso a Olveiroa. 

    Se vos apetece acompañarnos podedes incribirvos enchendo este formulario:

https://forms.gle/RLxzjLa1yFeMKu5o8


Custe: 22 € socias / 27€ non socias

Contacto: aminhapulga@gmail.com

Whatsapp: 653 013 224


segunda-feira, 12 de janeiro de 2026

Polo Monte Branco á beira do pirlo e o mazarico.

    Este 2026 comezamos o ano camiñando e comendo. A proposta é percorrer Sendeiro PR-G 148 polo mar de Corme e a ribeira do Anllóns, un percorrido suave de uns 10 kilómetros, e ao rematar ir comer un bon cocido a Casa Mosqueira. 

    A ruta iniciarémola no porto de Corme e percorreremos a costa seguindo os cantís o os areais de Arnela, Osmo e Ermida. Adentrarémonos logo un pouco no monte para achegarnos a Gondomil, onde atoparemos a Pedra da Serpe, un enirmático grabado en pedra que representa unha serpe alada á que decidimos coroar cunha cruz en tempos de cristianismo. 

    De seguido manteremos a cota pasando por sobre dos cantís cunhas vistas da ría e Corme e Ponteceso que nos axudarán a recuperar o pouco folgo que perdesemos. Unha vez que atravesemos a praia de Balarés o camiño adéntrase no complexo dunar de Monte Branco, unha das maiores dunas rampantes de Europa. Non imos subila, andermos pola beira e con moito coidado para non molestar á píllara das dunas. En breve ela lle dará o relevo ao mazarico, que nos acompañará cando nos adentremos polas mariñas do Anllóns ate chegar á Ponteceso. Remataremos un pouquiño antes de chegar á casa museo de Eduardo Pondal. 

    Trala ruta encheremos o badullo cun bon cocido comunitario en Pazos para celebrar o ano e adiantarnos un pouco ao Entroido.

    Se vos animades a acompañarnos, podedes cubrir este formulario e vos conctactamos para confirmarvos as praza:

https://forms.gle/A3oyMF372BiqYLqMA


Custe: 54€ socias / 59€ non socias

Ruta: 22 € socias / 27€ non socias

Comida: 32€


Fin de semana de camiñadas no Parque Natural de Montesinhos.

Do 30 ao 31 de maio marchamos á coñecer o Parque Natural de Montesinho, no noreste de Portugal.  Este entorno natural montañoso, situado na ...