Como entendemos mellor a paisaxe? Vista desde o alto ou inmersas nela?
O vindeiro día 26 de outubro os nosos pes suben ao norte. Achegámonos á ría de Ortigueira para contemplala dende a antiga atalaia do Castelo do Casón e de seguido pasearnos pola beiriña das súas augas na Enseada de Mera como se fosemos uns cormoráns máis. Unha ruta de 15 kilómetros que garda nos seus 5 primeiros a súa maior dificultade.
Comezaremos á beira do río Mera para ascender serpenteando unha estribación da serra da Capelada uns tres kilómetros ata o mirador do Castelo do Casón. Este valuarte defensivo do século IX domina toda a ría de Ortigueira. Serviu á xente "urticariense" para controlar aos viquingos e a nós nos permitirá ter unha boa perspectiva do camiño que imos facer.
Baixaremos do castelo pasando pola fervenza do Pozo do Inferno, que serve de protección natural á fortificación medieval e chegaremos a Veiga. Aquí abandonaremos os esforzos e desfrutaremos dunha andaina tranquila por unha chaira á beiramar. O camiño discorre entre plantacións de maceiras sidreiras ata chegar á Enseada de Mera.
Esta zona de humidal da desenvocadura do Mera foi pechada coa intención de empregala como criadeiro de marisco hai máis dun século (con pouco éxito, para desgraza da familia propietaria da concesión). Sen embargo, este proceso xerou unha zona protexida da intervención humana ideal para as aves, que a empregan como espazo de cria e descanso nas súas migracións. Outra estupenda ocasión para sacar os nosos prismáticos.
A ruta remata voltando a Mera de Abaixo da que saímos desfrutando das súas casiñas, os seus prados e os pazos con historia.
Para vires con nós, podesdes cubrir este formulario de inscripción:
https://forms.gle/xkCsRpw6va14DPk16
Custe: 15€ socias / 20 € non socias
Contacto: aminhapulga@gmail.com
Whatsapp: 653 013 224
Nenhum comentário:
Postar um comentário