segunda-feira, 24 de novembro de 2025

RUTA POR MESÍA: DOS MUIÑOS Á FRAGA.

A ruta de novembro lévanos ao concello de Mesia para pasear de muíño en muiño ata adentrarnos na fraga da Furoca. 

Trátase de unha ruta lineal e bastante chaira de aproximadamente 15 km. que atravesa zonas de pasto e cultivo achegándose de cada pouco á beira do río para desfrutar dos muíños rehabilitados do concello de Mesía. Remata adentrándose nunha fraga que incorpora un souto de castiñeiros modernos pouco antes de chegar a Vilasantar. Alí esperanos unha humilde capela barroca e un bon café. 

No camiño desfrutaremos da paisaxe en mosaico dunha dunha zona gadeira tradicional onde os regatos e os prados van deixando pequenos espazos delimitados de vexetación arborea. Os exemplos de muiños rehabilitados permiten entender mellor funcionamento do noso patrimonio industrial agrícola, recollendo a súa evolución dende a época romata ata o mesmo século XX.  

Aos dous tercios de camiño, tras varios quilometros de paseo tranquilo quen queira poderá dar por rematada a andaina e voltar no autobús ata Vilasantar. Os que decidamos continuar achegarémonos á Fraga da Furoca. Nela o rego de Conxo e o rio da Furoca abriron cañóns máis escarpados, máis incómodos de traballar, e permitiron a supervivencia do bosque autóctono no que recoñecer diversidade de árbores e cogumelos propios desta época. 

O bus recolleranos en Vilasantar, onde teremos espazo para repousar e retomar forzas antes de voltar á casa coa posta de sol. 

Para inscribirvos podedes encher este formulario de inscripción:

https://forms.gle/xRbFfJkdkShL8Y6j7

Tamén podedes contactar a Inés, a nosa guía, no 653 013 224 ou escribir a aminhapulga@gmail.com.


Custe: 15€ socias / 20 € non socias

Contacto: aminhapulga@gmail.com

Whatsapp: 653 013 224 

terça-feira, 7 de outubro de 2025

RECOMENDACIÓNS PARA VIR DE RUTA

    Moi posiblemente sexas unha persoa con sobrada experiencia facendo sendeirismo e montaña, pero se esta é a túa primeira vez nunha actividade deste estilo, aquí van algunhas dicas para que a túa xornada de camiñada sexa agradable:


1. O calzado de monte: Trae calzado adaptado para camiñada e monte. Botas ou zapatilla de montaña. Moi recomendable que sexa impermeable.

Que pedirlle ao teu zapato de monte? 

  • Que leves o pe cómodo, que non che manque nin che roce. 
  • Que a sola che protexa ben dos impactos do chan. 
  • Que agarre ben ao firme, para evitar esbarar. 
  • Que che permita airear o pe, especialmente con altas temperaturas. 
  • Que non se encharque, porque mesmo sen chuvia, posiblemente teñas que cruzar pozas e regatos.
2. Roupa cómoda: Trae roupa cómoda e deportiva. É recomendable empregar sempre pantalón longo mesmo en verán (así evitamos pinchos e picadas).

3. Adapta o equipo ao tempo: Presta atención á previsión do tempo. Reforza o abrigo en caso de frio e neve e busca algo lixeiro se boura o sol. O “sistema cebola”, varias capas que podes por e quitar en función de como vas sentindo o corpo durante o avance da ruta, soe ser unha boa opción.

4. A muda: É moi confortable levar un segundo calzado e unha muda de camiseta (e pode que pantalón) para por ao rematar a ruta. Especialmente os dias de chuvia. Así chegarás ben comoda e quente a casa.

5. Protéxete do sol: Mesmo se chove, non esquenzas traer un gorro para protexer a cabeza e un bote de crema solar (e botala e rebotala, claro).

6. Impermeablilizate: Especialmente nos meses de chuvia, é importante vir con cazadora e pantalóns impermeables. Non precisas o último grito en roupa técnica. Pode ser algo para por enriba da túa roupa habitual, pero que che manteña pernas e corpo algo protexido da chuvia para poder rematar a marcha (e mudarte ao final).

7. Hidrátate: Recorda traer sempre 1litro ou 1 litro e medio de auga contigo. Cando camiñamos precisamos hidratar o corpo de cada pouco e non podemos contar con atopar fontes para abastecernos polo camiño (e se as hai, aprobeitamos para refrecar as provisións). 

8. Sae sempre con comida: As nosas rotas soen estár deseñadas para comer de bocata polo camiño desfrutando da natureza, pero mesmo cando son curtiñas, trae sempre algo que levar á boca (froitos secos, chocolate, froita). Sálvache ante unha baixa de enerxía no medio do camiño e tamén se nos demoramos máis do esperado por algúnha causa imprevista. 

ORTIGUEIRA A DOBRE ALTURA: DO CASTELO DO CASÓN Á ENSEADA DE MERA

    Como entendemos mellor a paisaxe? Vista desde o alto ou inmersas nela?

    O vindeiro día 26 de outubro os nosos pes suben ao norte. Achegámonos á ría de Ortigueira para contemplala dende a antiga atalaia do Castelo do Casón e de seguido pasearnos pola beiriña das súas augas na Enseada de Mera como se fosemos uns cormoráns máis. Unha ruta de 15 kilómetros que garda nos seus 5 primeiros a súa maior dificultade.

    Comezaremos á beira do río Mera para ascender serpenteando unha estribación da serra da Capelada uns tres kilómetros ata o mirador do Castelo do Casón. Este valuarte defensivo do século IX domina toda a ría de Ortigueira. Serviu á xente "urticariense" para controlar aos viquingos e a nós nos permitirá ter unha boa perspectiva do camiño que imos facer. 

    Baixaremos do castelo pasando pola fervenza do Pozo do Inferno, que serve de protección natural á fortificación medieval e chegaremos a Veiga. Aquí abandonaremos os esforzos e desfrutaremos dunha andaina tranquila por unha chaira á beiramar. O camiño discorre entre plantacións de maceiras sidreiras ata chegar á Enseada de Mera.

    Esta zona de humidal da desenvocadura do Mera foi pechada coa intención de empregala como criadeiro de marisco hai máis dun século (con pouco éxito, para desgraza da familia propietaria da concesión). Sen embargo, este proceso xerou unha zona protexida da intervención humana ideal para as aves, que a empregan como espazo de cria e descanso nas súas migracións. Outra estupenda ocasión para sacar os nosos prismáticos.

    A ruta remata voltando a Mera de Abaixo da que saímos desfrutando das súas casiñas, os seus prados e os pazos con historia. 

    Para vires con nós, podesdes cubrir este formulario de inscripción:

https://forms.gle/xkCsRpw6va14DPk16


Custe: 15€ socias / 20 € non socias

Contacto: aminhapulga@gmail.com

Whatsapp: 653 013 224 

terça-feira, 2 de setembro de 2025

DE LAGOA EN LAGOA POLO CONCELLO DE COSPEITO

    Como cambia a paisaxe cando recuperamos un humidal? Como se sinte un chan seco fronte a un mollado? 

    Na primeira ruta da tempada transitaremos este proceso.  Marchamos á Terra Cha para percorrer a ruta das Lagoas de Cospeito. Un camiño chairo e suave de 14 kilómetros atravesando un mosaico prados, montes e terras de labradío para despertar o corpo e polo a punto.  

    Comezaremos na igrexa de San Martiño de Lamas, ao sur do concello e achegarémonos entre camiños forestais e campos de millo ata a antiga Lagoa da Caballosa, hoxe desecada. A paisaxe muda a medida que continuamos cara Feira do Monte atravesando algunha pequena aldea a través de camiños algo máis serpenteantes. O cambio definitivo prodúcese ao cruzar a estrada provincial 111. Aquí cubrirannos  carballos, castiñeiros e ameneiros e de caserío en caserio adentraremonos en Feira do Monte. 

    Alí faremos parada para repor forzas nunha carballeira á beira do camiño. De seguido a andaina chegará ao Museo das Aves que serve de porta de entrada á Lagoa de Cospeito. Os últimos tres kilómetros serán os máis fermosos, rodeando a lagoa á sombra das bidueiras e dos salgueiros con opción á subir as torres de observación das aves que empregan o humidal como zona de cria ou de descanso nas súas rutas migratorias. Esta é a ocasión perfecta para desempolvar os vosos prismáticos e extasiarvos uns minutos mirando para elas.

    A lagoa é alimentada polo río Guisande (da cunca do Miño) que aquí atopa un terreo chairo e barrento, pouco permeable, no que se acumula a auga. Recuperouse nos anos 2000 tras un proceso de desecado que nos anos 70 a convertera en solo agricola, parecido ao que observaremos na lagoa da Carballosa. Dende entón a natureza estase rexenerando e a diversidade de aves, anfibios e plantas vai en aumento.

    Os paxaros acompañaranos xa dende o inicio con niños de cegoñas, miñatos, bandas de corvos e pegas. Se fai bo día, temén o fará o sol que boura forte por esta zona. Non vos esquezades de levar unha boa gorra, protector solar e litro e medio de auga para repor líquidos na marcha. 

    Se vos animades a acompañarvos, podedes cubrir este formulario de inscripción:

https://forms.gle/sCB8Qz2eb4uoKgq29


Custe: 15€ socias / 20€ non socias
Contacto: aminhapulga@gmail.com
Whatsapp: 653 013 224



sexta-feira, 22 de agosto de 2025

PROGRAMACIÓN 2025 - 2026

    Deste setembro de 2005 a xuño do vindeiro 2026 voltamos por os pes en marcha. O último fin de semana de cada mes (coa execpión do Nadal) marchamos de ruta. Estas son as que temos programadas:

  • 28 de setembro de 2025  - Rutas da Lagoas de Cospeito.
  • 26 de outubro de 2025  - Camiño do Mar. De San Andrés de Teixido a Ponte Mera.
  • 30 de novembro de 2025  - Ruta da fraga aos muiños de Mesía.
  • 25 de xaneiro de 2026 – Ruta do Mar de Corme e Ribeira do Anllóns. (Previa a un bon Cocido.)
  • 22 de febreiro de 2026  - Ruta do Alto das tres pedras en Olveiroa.
  • 29 de marzo de 2026 – Subida ao Monte Muralla.
  • 26 de abril de 2026   - Ruta de Pena Guimara na Fonsagrada.
  • 30 e 31 de maio de 2026   - Fin de semana no Parque Natural de Montesinhos (Portugal).
  • 28 de xuño de 2026   - Ruta polas Terras de Quiroga (e troitada).

    O custe é de 15 €/persoa para persoas sócias da Asociación de Veciños do Agra e 20 €/persoa para as non socias. Coa excepción da fin de semana en Tras-os-montes (Portugal). Para esta saída informaremos do programa e o prezo un tempo antes.

    Se vos queredes inscribir podedes facelo escribindo un correo a aminhapulga@gmail.com ou enchendo a ficha de inscripción que atoparedes en cada un dos artigos de descripción das rutas que se publicarán neste blog. Como é habitual, as prazas asignaranse por orde de inscripción.

    Animámosvos tamén a que vos unades á Asociación de Veciños da Agra que da acubillo a esta iniciativa dende hai tanto, especialmente se estades pensando en participar en varias andainas nesta tempada. Ten un coste de 20 € ao ano. Podedes informarvos escribindo ao correo agra@galizacultura.gal ou preguntando directamente a Inés, a guia das rutas.


Custe: 15€ socias / 20€ non socias

Contacto: aminhapulga@gmail.com

Whatsapp: 653 013 224


  

segunda-feira, 9 de junho de 2025

FIN DE TEMPORADA: POLAS TERRAS DE QUIROGA

 Rematamos a temporada degustanto as troitas e as anguías no Mesón de Luís en Roiros e para abrir o apetito nada mellor que unha rota polas terras de Quiroga.

Nesta ruta de sete quilómetros descenderemos dende a aldea de Leixazós ata Campos de Vila ao longo dun espectacular val. Pasaremos tamén baixo o monumental Pregamento Xeolóxico de Campodola.



Esta ruta de sendeirismo consta de dous tramos ben diferenciados. O primeiro tramo, partindo de Leixazós, percorre o val do río Ferreiriño, ofrecendo espectaculares vistas tanto do val como das formacións asociadas ao Pregamento Xeolóxico de Campodola-Leixazós.

O sendeiro avanza entre castiñeiros, carballos e vexetación autóctona. No segundo tramo da ruta cambiaremos de val para dirixirnos por pistas de terra entre piñeiros, en dirección a Campos de Vila. Trátase dun descenso cómodo ata o val do río Quiroga. O entorno desta ruta consta dun gran atractivo visual, do que desfrutaremos ao longo de todo o percorrido.


Logo a partir das 15,30 esperanos Luís en Roirós para ofrecernos os seus entrantes e as troitas e as anguías que non faltaran.

Pendentes de que me diga o prezo, supoño que andará arredor dos 45 euros por persoa co autobús.


 Domingo 29 de abril, Saída ás 9.

Os camiños da Agra

domingo, 4 de maio de 2025

POLA COMARCA DE LALÍN : ROTA DO CASTRO DE DOADE / CASA DO PATRÓN

 


Comeza no museo etnográfico Casa do Patrón, no lugar de Codesedo, discorrendo o seu trazado a ambas as marxes do río Asneiro e o seu afluente Lebozán.

Desde Codesedo, a senda desvíase ata o xacemento prehistórico de Castro de Doade. Durante o resto do itinerario, o camiño transcorre descubrindo constantemente o rico patrimonio desta zona principalmente agraria. Así, atoparemos camiños medievais, pontes, pontellas e muíños. Entre estes últimos, destaca o muíño de Froiz pola súa factura e coidado contorna. Tamén é de resaltar a igrexa románica de San Xoán de Vilanova.

Os seus bosques de ribeira achegan frescura e goce xunto ao río Asneiro. Destacan sobre o resto da foresta os enormes castiñeiros e carballos, sendo o carballo de Soutolongo unha árbore catalogada por posuír a copa máis grande de Galicia.


ALMORZAREMOSMOS NA CASA DO PATRÓN(4 EUROS POR PERSOA).CANDO REMATE A ROTA TAMÉN TOMAREMOS AS CERVEXAS NA CASA DO PATRÓN( CADA UN PAGARÁ A SÚA CONSUMICIÓN).

 QUEN NON O COÑEZA PODE VISITAR O MUSEO ETNOGRÁFICO.



DOMINGO 25 DE MAIO; SAÍDA ÁS 9
oscaminhosdaagra.bplogspot.com

sexta-feira, 4 de abril de 2025

POLO COUREL: CASTRO DA TORRE / FERVENZA DO REXIU

 O domingo ,27 de abril, os camiños lévannos cara ao Courel que xa tiñamos ganas de ver de novo.

Dado que para o noso grupo a rota prevista era difícil e longa(19 quilómetros), partímola e facémola ao revés para que sexa máis doada.

Empezamos a camiñar no Castro da Torre  e logo de contemplar as inmellorables vistas, baixaremos cara a Sobredo e o río Lor.

Camiñando por debaixo de Folgoso  imos cara a Baldomir, atravesando o Lor pola ponte de Sudrios e pasando polos lugares de Pendella e Touzón, chegamos a Baldomir. A rota remata un pouco máis adiante , na fervenza do Rexiu.

DOMINGO 27,ABRIL.SAÍDA ÁS 9

OS CAMIÑOS DA AGRA

672313183



quarta-feira, 12 de março de 2025

A FERVENZA DO REXEDOIRO(VAL DO DUBRA)

 


A FERVENZA DO REXEDOIRO

Senda circular que comeza e termina no Campo da Feira de Bembibre. Desde este punto, o camiño transcorre pola marxe dereita do río Dubra ata Insua de Santa Mariña de San Román, desde onde volve ao comezo. No seu percorrido, desvíase ata ao leito do Rego do  Portonabo, afluente do Dubra, que forma unha fervenza en dous tramos, sumando uns 10 metros de desnivel.

O percorrido alterna camiños e sendas de pescadores, así como terras agrícolas de cultivos e praderías con zonas forestais. Entre estas últimas, o itinerario transita por zonas de repoboación e outras autóctonas con acivros, sobreiras, loureiros, carballos e castiñeiros.

A uns dous quilómetros do inicio, a capela de San Xoán Bautista sorprende polo seu illamento, xa que está situada nun lugar inhabitado dentro dos montes da parroquia de San Martiño Coucieiro. Construída no século XVII, suponse que se asenta sobre un primitivo templo medieval. Outrora abandonada e en ruínas, foi restaurada no primeiro decenio do século XXI para recuperar as concorridas romarías á súa ao redor. Na súa proximidade atópase a fonte de Augas Virxes, considerada de augas milagreiras.


Os camiños da Agra

domingo 30 de marzo, saída ás 9

sexta-feira, 31 de janeiro de 2025

ROTA DO MIRADOURO DA TERRA CHA

 UN sendeiro lineal en forma de “C” cuxo inicio e final están unidos por un camiño, fóra da ruta homologada, que permite regresar ao inicio.



O comezo sitúase na carballeira do Lugar da Feira onde antigamente se celebraba unha feira tradicional. A ruta sae da aldea a través de camiños cercados polos muros de casas solarengas que son testemuña do esplendor que tivo esta zona no pasado: a Casa da Barreira e la Casa da Veiga, magníficas mostras da arquitectura tradicional da pequena fidalguía agraria.

Antes de comezar o ascenso poderemos tomar alento na Área recreativa de Penas de Rodas, nesta singular formación rochosa hai que achegarse ás dúas xigantescas rochas graníticas que parecen querer rodar pola pendente.

De camiño cara ao monte da Cruz de Paraños pasaremos polas estivadas que o circundan (terreos de monte de propiedade comunal que eran queimados e logo sementadas con cereal).

Ao chegar á cima (613 m) teremos unha panorámica completa da planicie da comarca da Terra Chá. O suave descenso achegaranos de novo ás aldeas onde os casaríos illados con poderosas chemineas e rodeadas de amplos terreos amenizarannos o último tramo do camiño.


DOMINGO 23 , FEBREIRO, SAÍDA ÁS 9
oscaminhosdaagra@blospot.com

terça-feira, 7 de janeiro de 2025

BENVIDO 2025: ROTA DO DUBIO + COCIDO

 Como sempre para empezar o ano e liberarse das comidas do Nadal, temos a rota do cocido. Este ano tócalle á contorna de Baralla: acompañando o río Dubio e o Neira, camiñaremos entre prados e carballeiras facendo unha bonita rota circular de moi recente creación e moi ben sinalizada para que ninguén se perda.


Para  recuperar forzas teremos o cocido de todos os anos, este no restaurante Prados en Veiga de Anzós.


AUTOBÚS(15/18) + COCIDO(32)

SOCIOS, 47 EUROS.

NON SOCIOS 50.

A XENTE QUE ESTÁ ANOTA NON PRECISA CONFIMALO DE NOVO.

BON ANO 2025!!

Ruta ao Alto das Tres Pedras en Olveiroa.

     A ruta do mes de febreiro lévanos a Olveiroa, unha aldea de Dumbría dende a que percorreremos os vales próximos e subiremos ao Alto das...