terça-feira, 28 de março de 2017
O CAMIÑO DE INVERNO(domingo 23 de abril)
Protexidos das neves e do frío os peregrinos camiñaban cara a Compostela seguindo o curso Sil.Nós seguiremos o seu camiño e,desde as terras de Valdeorras, dirixímonos cara a Quiroga seguindo o río entre vides e oliveiras percurando o ouro dos romanos e as terras de Lemos.
Unha das entradas do Camiño de Inverno nas terras lucenses é a que despois de deixar a vía romana XVIII, na Rúa de Valdeorras, segue o curso do río Sil para entrar nas terras do val de Quiroga seguindo unha antiga vía romana secundaria que nalgúns treitos aparece ocupada por vías de comunicación modernas. O camiño entra superposto á estrada 533 e pasa entre as casas da aldea dos Albaredos, límite coa provincia de Ourense, deixando á dereita un muíño de aceite aínda en funcionamento. Para evitarmos o asfalto, poderemos iniciar a andaina no lugar de San Martiño, aldea que conserva magníficos exemplos da arquitectura popular á que se accede dende a estrada N-120, e seguir ata A Fraga Furada onde se xunta co Camiño de Santiago. A altura pola que discorre sobre un cantil permítenos facer un percorrido espectacular, moi próximo ao Camiño, dende o que se observa o río Sil, a estrada N-120 e a vía do tren, ademais dunha frondosa vexetación de connotacións mediterráneas.
Calquera dos dous treitos, ben dende Os Albaredos ou ben dende San Martiño, lévanos a Montefurado, onde podemos contemplar o espectacular túnel escavado polos romanos para desviar o curso normal da auga e extraer o ouro que arrastra, dándolle o nome igual que á aldea que atravesamos que conserva a fonda pegada da arquitectura tradicional. Tamén podemos atopar aquí a igrexa parroquial de san Miguel, construída a mediados do século XVIII. Dende Montefurado iniciamos a subida en medio das arxilas avermelladas que os romanos explotaron para obter o ouro que contiñan explotando estas minas a ceo aberto e que aínda hoxe conservan moitos dos seus primitivos elementos. Subimos ata o lugar do Ermidón, entre árbores froiteiras e oliveiras, para cruzarmos despois unha zona de soutos e viñedos e chegarmos ás aldeas abandonadas da Venda Vella e a Venda Nova. Baixamos despois ata capela das Farrapas, denominación que é posible que faga referencia ao lugar en que os camiñantes se desfacían dos seus farrapos, onde podemos atopar tamén un muíño de aceite en funcionamento.
Aquí o camiño vello pérdese baixo as modernas vías de comunicación e tomamos como alternativa a ruta que nos leva ata o lugar de Bendilló, pasamos ao carón da súa igrexa parroquial e entre oliveiras iniciamos unha pronunciada baixada ata a beira da estrada N-120. Segue unha corta subida ata a estrada local que conduce a Bendollo dende onde baixamos cara ao lugar de Ponte Soldón para dirixírmonos pola beira da estrada nacional á aldea de Sequeiros. Estes dous pequenos núcleos rurais, asentados na ribeira do río Sil, conservan todo o sabor da arquitectura popular da zona. Dende aquí, cruzando por un túnel baixo a N-120, iniciamos o ascenso que nos leva ata a aldeas dos Novaes e O Castelo, onde se atopan os restos do castelo de Torrenovaes. Aquí tiveron a súa primeira residencia no século XIII os comendadores da Orde de san Xoán de Malta, que tiñan entre outros cometidos o de asistiren os peregrinos que percorrían este camiño.
Aínda que o conxunto está en ruínas podemos ver sobre o arco de acceso ao pazo da Encomenda a Cruz de Malta. O camiño continúa coa baixada ao regato do Castelo e atravesa por unha ponte de pedra dun só arco e forte sabor medieval para dirixirse á aldea de Caspedro, próxima á casa de Outeiro, fundada a principios do século XVI por Gonzalo Fernández de Quiroga. Nesta vila hai unha fonte coa inscrición: “Caminante bebe y apaga tu sed”. Dende aquí o camiño segue polo Pazo Vello ata Quiroga. No entanto, a máis antiga das alternativas da ruta iría dende Caspedro a San Xulián de Arriba e polas casas da Carballeira ata O Hospital, que foi priorado da Orde de san Xoán de Malta e que toma o seu nome da existencia neste lugar dun hospital para peregrinos. Aquí atopouse a acta de defunción dun peregrino que se dirixía a Compostela.
O segundo paso desta alternativa é a Bergaza, aldea á que se accedería primitivamente pola desaparecida ponte Pedriña que permitía cruzar o río Quiroga. Atravesamos este lugar para dirixírmonos cara á Ermida polo alto de San Roque. Neste punto os primitivos cristiáns galegos levantaron sobre un asentamento castrexo a igrexa da parroquia da Ermida dedicada á Nosa Señora dos Remedios. O camiño que baixa pola zona coñecida como Regueiral, déixanos novamente na vila de Quiroga.
Assinar:
Postar comentários (Atom)
BENVIDO 2025: ROTA DO DUBIO + COCIDO
Como sempre para empezar o ano e liberarse das comidas do Nadal, temos a rota do cocido. Este ano tócalle á contorna de Baralla: acompañand...
-
SENDEIRISMO 2025 26 DE XANEIRO,DOMINGO; ROTA DO DUBIO.(BARALLA). COCIDO NO RESTAURANTE PRADOS DE O CORGO. 23 DE FEBREIRO. DOMINGO: MIRADOI...
-
Como sempre para empezar o ano e liberarse das comidas do Nadal, temos a rota do cocido. Este ano tócalle á contorna de Baralla: acompañand...
-
PRIMEIRO TRIMESTRE 2024 + COCIDO TOCANDO MADEIRA RETOMAMOS AS ROTAS ONDE AS DEIXAMOS EN XUÑO: SETEMBRO 29: ROTA DAS ALMIÑAS E OS PASOS ...
Nenhum comentário:
Postar um comentário