DE PARADAVELLA AO CÁDAVO
Subindo e baixando continúamos o Camiño Primitivo que nos vai achegando a Lugo, un bo lugar para visitar a zona dos viños,probalos e acompañalos dalgunha tapiña,ben cumprida como diría o Manuel.Os nosos camiños non chegarán desta vez alá mais isto non debe impedir a vosa visita, Lugo,merécea.
O domingo 29 de novembro percorreremos outra etapa do
CAMIÑO PRIMITIVO
que, aínda que marca o inicio da cultura xacobea universal e transcorre
por lugares de interese histórico e ambiental, é obxecto de
innumerábeis alteracións que merecen ser coñecidas e denunciadas. O
punto de
inicio do roteiro será o núcleo de
Paradavella,
pertencente ao concello de A Fonsagrada, no que poderemos contemplar
algúns exemplos da arquitectura tradicional desta área de montaña.
Avanzando pola vertente oriental da
Serra da Lastra, entraremos nas terras do concello de Baleira, no que
destaca o casarío de Degolada, que delimitaba fai séculos o “Condado de
Naviensis”. Superando a cota 800 acadaremos o núcleo de San Xoán de
Lastra, onde os peregrinos preparábanse para o ascenso ao alto da
Fontaneira (950 m), lugar cunha igrexa adicada a Santiago.
O topónimo da Fontaneira alude a que
este é o lugar de nacemento do río Neira, e corresponde ademais á
divisora das cuncas doutros ríos: o Eo e o Navia. Na baixada á Vaganta
do Trabeiro o camiño pasa polo Monte das Cruces, que albergou no pasado
un camposanto, e continúa cara ao Campo da Matanza. Neste lugar foron
descubertos a finais do século XIX varios enterramentos e restos de
armamento que poderían derivar, segundo algunhas hipóteses, das loitas
con tropas musulmanas que se agochaban na garganta chamada A Trincheira.
Dende a Matanza, contemplando a beleza
do Val do Neira, báixase á moderna capitalidade do Concello de Baleira: O
Cádavo. Se as forzas dos camiñantes o permiten, poderíase continuar o
roteiro e, coroando a serra da Vacariza na Cruz de Pedra (840 m), entrar
en terras do concello de Castroverde e chegar ao lugar de Vilabade, que
conta con importantes elementos patrimoniais.
O roteiro ten unha lonxitude próxima aos 14 km (algúns máis se se continúa ata Vilabade).
Pode considerarse de dificultade media, polas súas frecuentes subidas e baixadas.